19 feb 2012

USUARIOS DA VÍA E ACCIDENTES




Todos nós somos conscientes de que os usuarios da vía, a súa seguridade e mais o respecto que estes teñan polos demais é o cerne fundamental do noso curso. O que ocorre é que moitas veces non reflexionamos sobre que é o que realmente temos que ter en conta cando analizamos o seu comportamento. Existen factores externos e puntuais, condutas sociais aprendidas ou elementos puramente biolóxicos do noso propio ciclo vital que van marcar o uso que fagamos da vía.
Debemos analizar cales son os factores que poñen en risco a nosa condución ou a dos outros, saber evitar aqueles que poidamos e, sobre todo, coñecer moi ben as nosas limitacións.
En calquera situación de tráfico podemos distinguir tres elementos principais:
  • A persoa que conduce: responsable do 70-90% dos accidentes de tráfico.
  • O vehículo: cunha responsabilidade do 4-13% da sinistralidade viaria.
  • A vía e o seu contorno: responsable do 10-35% dos accidentes.
Polo tanto, a pesar da importancia dos fallos das estradas (trazado, anchura, puntos negros...), da influencia dos factores atmosféricos, sobre todo no noso país (escuridade, néboa, chuvia, xeo, etc.) ou os fallos mecánicos dos vehículos (freos, pneumáticos, suspensión, etc.), a causa que explica a maior parte dos accidentes é o factor humano. Ademais, os propios condutores coinciden nesta sentenza: as condutas dos demais usuarios son para eles o maior perigo1. É máis: moitos sinistros en que se sinala o vehículo ou a estrada como causa adoitan ter como desencadeante a falta de responsabilidade humana, pois se o/a condutor/a reaccionase doutro xeito evitaríase o accidente (ex. un rebentón nunha roda pode deberse a un mal mantemento dos pneumáticos, do que o/a condutor/a é responsable).
Todos compartimos o mesmo espazo viario con igual dereito e todos debemos ter unha actitude de convivencia, de comprensión e de tolerancia cara ás particularidades dos demais.


1 Por esta orde: o factor humano, as condicións da vía, o fallo mecánico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas pola visita e o teu comentario!