EDUCACIÓN

A EDUCACIÓN VIARIA NO SISTEMA EDUCATIVO

A educación viaria é unha das áreas recoñecidas dentro do que coñeciamos na LOXSE como materias ou temas transversais1 e que actualmente denominamoseducación en valores. A expresión mellor formulada das áreas identificadas dentro da referida educación en valores aparece recollida no artigo 5.1. do Decreto 78/19932 ("a educación moral e cívica, a educación para a paz, para a saúde e a calidade de vida, para a igualdade entre os sexos, a educación ambiental, a educación sexual, a educación do consumidor, a educación para o lecer e a educación viaria"). Con posterioridade, a educación en valores entendeuse de xeito laxo, confiando á autonomía pedagóxica do profesorado a definición deses valores no currículo, e sempre co obxectivo da educación integral do alumnado.
Así pois, na actualidade atopamos máis alusións á educación en valores ca a cada un deses valores concretos. Daquela, debemos entender a educación viaria como parte da educación en valores e atender ao tratamento que se lle dá a esta na lexislación educativa.

1 Así figura na Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo (en diante LOE), xunto coa educación para a saúde e calidade de vida, educación ambiental, educación para a paz, educación do consumidor, educación para a igualdade entre os sexos, educación para o lecer, educación sexual, educación moral e cívica.
2 Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da ESO na Comunidade Autónoma de Galicia.

LEXISLACIÓN EDUCATIVA (LOXSE, LOE)

A LOE incide no carácter transversal da educación en valores, a través dos artigos 19 e 1211. Recollemos aquí o precepto máis salientable:
LOE
Artigo 19. Principios pedagóxicos.
2. Sen prexuízo do seu tratamento específico nalgunhas das áreas da etapa, a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, as tecnoloxías da información e a comunicación e a educación en valores traballaranse en todas as áreas.
Este tratamento específico ao que se refire o artigo 19 exprésase na LOE a través duns poucos artigos2. Ademais, os reais decretos que desenvolven as ensinanzas mínimas para todo o Estado concretan obxectivos para todas as etapas educativas3.
Así pois, a lexislación vixente ofrece unhas indicacións xerais de traballo e tamén identifica algúns obxectivos claros de actuación dentro dalgunhas áreas e etapas.


1 LOE. Artigo 121. Proxecto educativo. 1. O proxecto educativo do centro recollerá os valores, os obxectivos e as prioridades de actuación. Así mesmo, incorporará a concreción dos currículos establecidos pola Administración educativa que corresponde fixar e aprobar ao Claustro, así como o tratamento transversal nas áreas, materias ou módulos da educación en valores e outras ensinanzas.
2 Como obxectivo da EP (art. 17): "n) Fomentar a educación viaria e actitudes de respecto que incidan na prevención dos accidentes de tráfico". Como obxectivo do BACH (art. 33): "n) Afianzar actitudes de respecto e prevención no ámbito da seguridade viaria".
3 Real decreto 1630/2006, do 29 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas do segundo ciclo de educación infantil. Os obxectivos do segundo ciclo da educación infantil establecen que os nenos deben desenvolver capacidades que lles permitan "observar e explorar o seu contorno" e "adquirir progresivamente pautas elementais de convivencia", entre as que podería estar unha aproximación inicial á educación viaria e ás normas de circulación máis básicas.
Real decreto 1513/2006, do 7 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas da educación primaria. Entre os obxectivos da educación primaria recóllese explicitamente "fomentar a educación viaria e actitudes de respecto que incidan na prevención dos accidentes de tráfico".
Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria. A educación viaria inclúese entre os contidos mínimos da materia de Educación para a cidadanía. No bloque 4, enúnciase o tema "A circulación viaria e a responsabilidade cidadá. Accidentes de circulación: causas e consecuencias." Nos criterios de avaliación pídese que os alumnos coñezan as súas obrigas cívicas "no coidado do contorno, na seguridade viaria, na protección civil e no consumo responsable."
Real decreto 1467/2007, do 2 de novembro polo que se establece a estrutura do bacharelato e se fixan as súas ensinanzas mínimas. No artigo 3, cando se fala dos obxectivos do bacharelato, inclúese "afianzar actitudes de respecto e prevención no ámbito da seguridade viaria". Posteriormente, ao enumerar os contidos por materias menciónase a seguridade viaria en Física: "Importancia da educación viaria. Estudo de situacións cinemáticas de interese, como o espazo de freada, a influencia da velocidade nun choque, etc."



A EDUCACIÓN VIARIA NA LEXISLACIÓN EDUCATIVA DE GALICIA
Xa indicamos que a educación viaria é unha área que debe ser abordada desde todas as materias. Con este curso traballaremos as posibilidades de integración curricular a través das tarefas que se propoñen en cada un dos módulos. Os centros poden introducir a educación en valores:
  • con carácter transversal, desde todas as actividades, desde todas as materias e para todas as etapas educativas (infantil, educación primaria, educación secundaria, bacharelato, ciclos formativos).
  • con carácter específico, desde as áreas de Educación para a cidadanía e os dereitos humanos, Coñecemento do medio natural, social e cultural (no 1º e o 2º ciclo) e Lingua estranxeira (3º ciclo) na educación primaria; desde as materias de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (2º da ESO) eFísica e Química1 (4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato).
  • con carácter xeral, desde o Plan de Acción Titorial ou nas sesións de Ética e Atención Educativa.
Con todo, algunhas materias presentan máis concreción curricular (da educación viaria) e fan fincapé (a través dos criterios de avaliación, fundamentalmente) na educación viaria. 2
Imos facer unha compilación dos obxectivos emanados da lexislación e analizaremos poñendo como obxectivo final a integración do alumnado na sociedade en que vive, para chegar facilmente á consideración da necesidade da educación viaria no sistema educativo. Concretaranse en 3 puntos as razóns polas que neste curso consideramos que é necesaria a introdución desta área na educación:
  1. O alumnado debe adaptarse ao medio en que vive. Desde que nace está en contacto con vehículos de motor e coas vías, ben sexa como peón, como pasaxeiro/a (en vehículos familiares, no transporte escolar) ou como condutor/a (de bicis, motocicletas e quads). Polo tanto, debe coñecer o medio en que se vai mover para adaptarse a el e ocupalo con todas as garantías de seguridade.
  2. A maioría das correntes pedagóxicas actuais están a favor de que os centros de ensino teñan en conta a realidade que os rodea; así a educación viaria forma parte desa aprendizaxe para a vida.
  3. A cidadanía ten a necesidade de aprender a utilizar as vías con seguridade, polo tanto é fundamental que a ensinanza da educación viaria comece xa na escola co propósito de inculcar hábitos saudables para evitar o maior número de accidentes de tráfico que se producen como causa do ser humano. Os nenos deben iniciarse coa aprendizaxe de vivencia que lle afectan directa e indirectamente.



1 Vídeo sobre a resistencia ao rodamento.

2 Lexislación: InfantilDecreto 330/2009PrimariaDecreto 130/2007ESODecreto 233/2002BacharelatoOrde do 20 de abril de 2010.




INFORMACIÓN RECOLLIDA NO Estratexias didácticas de educación para a seguridade viaria no ensino non universitario. Edición 2012 DO SERVIZO PLATEGA PARA A FORMACIÓN DO PROFESORADO (CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN)