http://www.flickr.com/photos/51035555243@N01/52111102
Son o primeiro vehículo ao que pode ter acceso un rapaz. O feito de asociala a unha actividade fundamentalmente lúdica fana inofensiva a primeira vista. De todas as maneiras, no momento que se pon en circulación a unha velocidade determinada ou circula por tramos irregulares ou pola vía pública ao carón dun vehículo de motor, pode tornarse nun perigo potencial, cando en realidade é un magnífico instrumento de xogo, deporte e transporte.
Aínda que os accidentes de ciclistas se producen ao longo de todo o ano, increméntanse de forma considerable coa chegada do bo tempo. Analizaremos as consideracións que debemos ter en conta á hora de circular coa bicicleta por unha vía pública.
Pola súa simplicidade mecánica debemos fixarnos fundamentalmente nos freos e nas rodas. Teñen que estar en perfecto estado e ademais é importante comprobar que as rodas están ben suxeitas no cadro. Hai que ter en conta que nos vehículos de dúas rodas, en caso de desestabilización, é o noso corpo o que bate co firme e co obstáculo que encontremos nel. Por iso, para ser un bo ciclista debemos coñecer as normas fundamentais:
- Colocar sempre o casco e os elementos protectores nos cóbados e nos xeonllos. O casco irá sempre ben suxeito, nin moi apertado, nin moi frouxo.
- Non utilizar auriculares cando vaiamos en bicicleta, porque non oiremos se os condutores doutros vehículos alertan dalgún problema coa bucina.
- Circular sempre en fila india ou en columna de dous, excepto nas curvas ou en lugares de pouca visibilidade, onde sempre circularemos en fila india.
- Cando nos aproximamos a alguén que non nos viu, utilizar o timbre.
- Non facer malabarismos coa bici.
- Cando se circule por estrada, utilizar os carrís bici1 se os hai ou a beiravía da dereita. Se tampouco houbese beiravía, deberemos circular o máis pegados ao bordo dereito da calzada.
- Pola cidade, o condutor dunha bici é condutor dun vehículo, polo tanto, hai que respectar semáforos, axentes, stops e demais sinais.
- Respectar os pasos de peóns e deixar cruzar a quen xa estea cruzando ou a piques de facelo.
- Gardar a distancia de seguridade con respecto aos vehículos que circulen diante.
- Non levar nunca pasaxeiro detrás (agás se levamos unha cadeira homologada para levar un menor (que teña entre 2 e 7 anos) e, evidentemente, con casco. Está prohibido levar amigos de pasaxeiros, de pé ou apoiados nos estribos da bici.
- Os usuarios de bicicletas non poden circular nunca por autoestradas, si por autovías se o condutor da bici é maior de 14 anos e non hai un sinal que prohiba a entrada a bicis (aínda que na maioría delas xa as hai).
- As bicicletas de fábrica non traen luces porque non é obrigatoria a súa instalación; pero si é obrigatorio que cando unha bicicleta circule entre o anoitecer e o amencer leve instalada unha luz de cor branca diante e outra vermella detrás, ademais de levar elementos reflectores homologados. Cómpranse á parte e os seus condutores teñen que instalalos no vehículo. A condución nocturna coa bici é moi perigosa, por iso, en caso de facelo, levarase unha prenda reflectora que faga visible o condutor a 150 m de distancia e, a ser posible, roupa de cor clara. Non confundir as luces cos catadióptricos que traen as bicicletas xa de fábrica (non serven para circular de noite).
- Nunca se debe falar polo móbil cando se conduza nunha bicicleta.
Os condutores de bicicletas están obrigados a someterse ás probas de alcoholemia. As taxas que se lle aplicarán son as de condutores normais: 0,5 g/l sangue que equivale a 0,25 mg/l aire expirado.
Os pais que lles permitan aos seus fillos circular cunha bicicleta teñen que saber que deben coñecer todas as regras e valorar se un neno de 12 ou 13 anos está preparado para isto. Nin que dicir ten que é de obrigado cumprimento que circule con casco e roupa adecuada para facelo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Grazas pola visita e o teu comentario!