Se co ciclomotor xa vimos que podemos ir a máis velocidade ca coa bicicleta, coa moto o perigo é o dobre. As motos poden ir á mesma velocidade ca un coche e circular polas mesmas vías e polos mesmos sitios ca un vehículo de catro rodas, coa desvantaxe de que a carrozaría da moto, en caso de accidente, é o corpo do condutor.
Cada día vense máis motos polas vías públicas e iso débese a que se trata dun vehículo moi fácil de aparcar e tamén porque co carné de coche con tres anos de antigüidade xa se pode conducir unha moto ata 125 cc.
Segundo un informe actual, o número de motos que circulan polas vías públicas incrementouse nun 30% respecto do ano 2009. Un 7% desta porcentaxe pertence a mulleres que utilizan este medio de transporte como algo habitual para ir ao traballo ou facer as súas tarefas cotiás. As motos que conducen e compran son de pouca cilindrada e pouco peso, normalmente de 125 cc; buscan sobre todo que sexan cómodas e útiles, que teñan prestacións para levar bolsos grandes ou incluso espazo nos pés para levar algunha compra.
As mulleres teñen menos accidentes ca os homes (igual ca nos coches) pero pagan máis de seguro obrigatorio ca eles1.
As motos circulan polos mesmos carrís ca os vehículos de catro rodas e teñen as mesmas velocidades establecidas ca estes, pero cando vaian adiantar a outro vehículo teñen que deixar unha separación de 1,5 m como mínimo e invadir o carril de sentido contrario para facer o adiantamento con seguridade.
Dende hai dous anos as motos, os vehículos de tres rodas e os ciclomotores poden arrastrar un remolque sempre que este non supere o 50% da masa en baleiro do vehículo que o arrastre e cumpran tres condicións:
- Só poderán circular de día e en condicións que non diminúan a velocidade (por exemplo, con néboa non poderán facelo).
- Teñen que circular co remolque a un 10% menos da velocidade establecida para esa vía (por exemplo, se a velocidade da vía é 100 km/h, irán co remolque a 90 km/h).
- Non se poden transportar persoas no remolque.
As persoas que viaxan en motocicletas teñen que levar sempre o casco, e o condutor é o responsable da moto se o que vai detrás non o leva posto. Igualmente, as motos teñen que levar acesa tanto de día coma de noite a luz de cruzamento.
Un dos principais problemas das motos é a velocidade inadecuada, presente na metade dos accidentes. Ademais, a probabilidade de que o accidente sexa mortal é un 60% maior.
Cando ante un inminente perigo haxa que reducir a velocidade, farase empregando as luces de freo reiteradamente ou ben movendo o brazo de arriba a abaixo con movementos curtos e rápidos, e logo reducir a velocidade sen brusquidade para que non se produza risco de colisión cos vehículos que circulan detrás.
Para poder conducir calquera destes vehículos (excepto, claro está, para as bicicletas) existen distintos permisos de conducir. Moitos pais mércanlles aos seus fillos quads, ciclomotores ou mesmo motos de baixa ou alta cilindrada e non saben que requisitos cómpre ter para poder conducir ese vehículo. Estes permisos detállanse como segue:
AM: Autoriza a conducir vehículos ata 50 cc (ciclomotores); a idade mínima 15 anos; non se pode levar acompañante ata os 18 anos.
A1: Para conducir vehículos de máis de 50 cc ata 125 cc; tamén autoriza a conducir triciclos de motor ata 15 kw. A idade para obter iste permiso son 16 anos.
A2: Para conducir motos de máis de 125 cc ata 400 cc (35 kw), a idade son 18 anos.
A: Para conducir motos de máis de 400 cc e triciclos ata 15 kw, si ten máis de 15 kw, a idade 21 anos.
1 Parece que a razón reside en que, aínda que teñen menos accidentes, cando se producen son máis graves ca os dos homes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Grazas pola visita e o teu comentario!