Mostrando entradas con la etiqueta peóns. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta peóns. Mostrar todas las entradas

19 feb 2012

CONSELLOS PARA PEÓNS


  • Mirar sempre antes de cruzar e agardar a que paren para facelo.
  • Esperar na beirarrúa (non na calzada) e cruzar polos pasos sinalizados.
  • Camiñar pola beirarrúa, cando a haxa.
  • Obedecer o semáforo.
  • Poñer atención á saída de vehículos (por exemplo, cando saen dun garaxe).
  • Escoller o camiño máis seguro (rúas con beirarrúas anchas, máis iluminadas...).
  • Ser conscientes das súas limitacións funcionais (ex. tomar precaucións á hora de cruzar unha rúa con semáforo cando a luz verde empezou a pestanexar).
  • Ter en conta os efectos da medicación sobre as súas capacidades; procurar saír acompañado á rúa.
  • Evitar facer grupos que atranquen as beirarrúas, obrigando a outros peóns a baixar da beirarrúa para pasaren.

DEBERES DOS PEÓNS

Os peóns están obrigados a transitar pola beirarrúa salvo que esta non exista ou non se poida andar por ela; neste caso poderán transitar pola beiravía e, se non a hai, pola calzada, pero sempre polo lado esquerdo no seu sentido de circulación1.
Cando os peóns transiten pola beiravía ou pola calzada, farano sen entorpecer a circulación e aproximándose o máximo posible ao bordo dereito.
Cando se transite de noite por unha vía fóra de poboación ou con condicións meteorolóxicas adversas, deberemos levar posto un elemento luminoso reflector homologado que nos faga visible a 150 m de distancia para os vehículos que se acheguen.

LEMBRA QUE:
O alumnado, no horario de inverno, debería levar elementos reflectores cando se dirixen ao centro ou á parada de autobús. En moitas ocasións transitan pola beiravía, insuficientemente iluminada, poñendo en perigo a súa vida.

Cando levemos un grupo de nenos e teñamos que transitar con eles de noite por unha calzada, ademais de poñerlles cadanseu elemento reflector, no lado máis próximo ao centro da calzada deberemos levar luces para precisar a nosa situación e as dimensións do grupo; estas serán de cor branca ou amarela diante e vermella detrás.
Para atravesar unha calzada farase por onde existan pasos de peóns debidamente sinalizados e cumpriranse sempre as seguintes regras:
  • Obedecer o semáforo para peóns, se o hai.
  • Se quen regula o tráfico é un axente, obedecer as súas indicacións.
  • Nos resto dos pasos de peóns2, aínda tendo preferencia, cruzar só cando a distancia e a velocidade dos vehículos que se aproximen permitan facelo con seguridade.
  • Ao atravesar unha estrada, camiñar perpendicularmente ao seu eixe, sen demora, sen deterse nela sen necesidade e sen entorpecer o paso dos demais.
  • Non atravesar as glorietas (hai que darlles a volta).
  • Non facer autostop nas autoestradas nin nas autoestradas.3


    1 Para veren os vehículos de fronte. Con todo, Poderán facelo pola dereita se por motivos de seguridade transitar pola esquerda fose un perigo para a seguridade viaria tanto dos propios peóns coma dos outros usuarios da vía.
    2 Sinalizados coa marca viaria ou co sinal vertical.
    3 Os peóns non poden transitar nestas vías. Os condutores que se sintan apelados deben facer caso omiso desta petición (isto inclúe as explanadas das estacións de peaxe).

CONSELLOS PARA EVITAR ATROPELOS




 Imos ver as regras que deben seguir para evitar os atropelos de peóns e o respecto que deben ter por outros usuarios como os ciclistas, que cada vez comparten máis o espazo nas nosas estradas.
  1. Cómpre respectar sempre os límites de velocidade, pero sobre todo na cidade: un atropelo a un peón a máis de 50 km/h é mortal.
  2. Cando vexamos que un vehículo se detén diante nosa, é moi probable que baixen pasaxeiros e saian sen fixarse. Isto pode dar lugar a un atropelo. Non debemos permitir que baixen do noso coche pola zona que circulan os vehículos, senón polo lado externo da calzada.
  3. É unha conduta de risco ser peón e ir falando ou chateando polo móbil: hoxe en día é moi frecuente cruzarnos con persoas máis pendentes da conversa que están mantendo ca do tráfico, sen ver os vehículos que se aproximan a eles.
  4. Hai que ter moito tino coas saídas dos garaxes, sobre todo se son en rampla, xa que é máis difícil ver os peóns ao saírmos. Así pois, hai que reducir a velocidade e manter o control do vehículo en todo momento.
  5. As saídas dos centros educativos teñen moita accidentalidade: son os lugares máis perigosos pola alta frecuencia que hai de accidentes nas súas proximidades. Ao acabaren as clases os nenos teñen problemas de atención, que unido á súa baixa percepción do risco e á súa menor visibilidade, obriga o condutor a ter unha maior precaución cando está circulando polas súas proximidades.
  6. Non se debe aparcar indebidamente: aparcar sobre un paso de peóns ou sobre a beirarrúa obriga aos peóns a invadir a calzada.
  7. Ao circular cun vehículo non se lles debe facer sinais aos peóns para que crucen a calzada, os demais condutores poden non darse de conta da súa presenza e o peón confiado pode ser atropelado por outro coche.
  8. Cando vexamos un ciclista que circula pola beiravía ao adiantalo fóra de poboación temos que deixar unha separación de 1,5 m como mínimo e invadir,se fose necesario, o carril de sentido contrario, aínda habendo liña continua, para facelo con seguridade.
  9. Se imos pisar unha beiravía pola que circulan ciclistas para entrar noutra vía, debemos deixalos pasar a eles primeiro e, se vemos que non percibiron a nosa presenza, podemos utilizar a bucina para que se dean de conta.


     Os ciclistas teñen accidentes porque se distraen, por xiros incorrectos, por circular fóra da beiravía ou por non respectar os semáforos e sinais verticais (STOP ou ceda o paso). A maioría destes usuarios collen a bicicleta para faceren deporte e non se decatan de que son condutores dun vehículo. Os outros usuarios deben extremar a precaución para evitar atropelos, xa que en moitos dos casos son mortais.
Aínda que os accidentes de ciclistas se producen ao longo de todo o ano, increméntase de forma considerada coa chegada do bo tempo, a maioría ocorren por choques contra un turismo e nas rectas.