Mostrando entradas con la etiqueta non conductores. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta non conductores. Mostrar todas las entradas

19 feb 2012

CONSELLOS PARA EVITAR ATROPELOS




 Imos ver as regras que deben seguir para evitar os atropelos de peóns e o respecto que deben ter por outros usuarios como os ciclistas, que cada vez comparten máis o espazo nas nosas estradas.
  1. Cómpre respectar sempre os límites de velocidade, pero sobre todo na cidade: un atropelo a un peón a máis de 50 km/h é mortal.
  2. Cando vexamos que un vehículo se detén diante nosa, é moi probable que baixen pasaxeiros e saian sen fixarse. Isto pode dar lugar a un atropelo. Non debemos permitir que baixen do noso coche pola zona que circulan os vehículos, senón polo lado externo da calzada.
  3. É unha conduta de risco ser peón e ir falando ou chateando polo móbil: hoxe en día é moi frecuente cruzarnos con persoas máis pendentes da conversa que están mantendo ca do tráfico, sen ver os vehículos que se aproximan a eles.
  4. Hai que ter moito tino coas saídas dos garaxes, sobre todo se son en rampla, xa que é máis difícil ver os peóns ao saírmos. Así pois, hai que reducir a velocidade e manter o control do vehículo en todo momento.
  5. As saídas dos centros educativos teñen moita accidentalidade: son os lugares máis perigosos pola alta frecuencia que hai de accidentes nas súas proximidades. Ao acabaren as clases os nenos teñen problemas de atención, que unido á súa baixa percepción do risco e á súa menor visibilidade, obriga o condutor a ter unha maior precaución cando está circulando polas súas proximidades.
  6. Non se debe aparcar indebidamente: aparcar sobre un paso de peóns ou sobre a beirarrúa obriga aos peóns a invadir a calzada.
  7. Ao circular cun vehículo non se lles debe facer sinais aos peóns para que crucen a calzada, os demais condutores poden non darse de conta da súa presenza e o peón confiado pode ser atropelado por outro coche.
  8. Cando vexamos un ciclista que circula pola beiravía ao adiantalo fóra de poboación temos que deixar unha separación de 1,5 m como mínimo e invadir,se fose necesario, o carril de sentido contrario, aínda habendo liña continua, para facelo con seguridade.
  9. Se imos pisar unha beiravía pola que circulan ciclistas para entrar noutra vía, debemos deixalos pasar a eles primeiro e, se vemos que non percibiron a nosa presenza, podemos utilizar a bucina para que se dean de conta.


     Os ciclistas teñen accidentes porque se distraen, por xiros incorrectos, por circular fóra da beiravía ou por non respectar os semáforos e sinais verticais (STOP ou ceda o paso). A maioría destes usuarios collen a bicicleta para faceren deporte e non se decatan de que son condutores dun vehículo. Os outros usuarios deben extremar a precaución para evitar atropelos, xa que en moitos dos casos son mortais.
Aínda que os accidentes de ciclistas se producen ao longo de todo o ano, increméntase de forma considerada coa chegada do bo tempo, a maioría ocorren por choques contra un turismo e nas rectas.